Complementos de formación
Nos supostos en que a Comisión Académica do Programa de Doutoramento entenda que o estudantado carece da formación previa esixida para a súa admisión, a mesma quedará condicionada á superación de complementos específicos de formación cun máximo de 15 ECTS. A Comisión Académica determinará caso por caso que complementos deben ser realizados polo estudantado de que se trate, tendo en conta a titulación de acceso ao programa e as características do título de mestrado que cursase para ese efecto.
A Comisión Académica determinará segundo cada caso que complementos deben ser realizados polo estudantado en función das súas necesidades formativas, podendo tratarse, das materias seguintes:
- Mestrado en Menores en situación de desprotección e conflito social (UVigo)
Marco normativo da protección do menor, medidas de protección do menor en situación de risco e desamparo, adopción nacional e internacional, procedementos civís de protección de menores, o menor como vítima de feitos delituosos; o menor como infractor, proceso penal de menores, intervención socio-educativa con menores, mediación como método de solución de conflitos con menores. - Mestrado en Psicoloxía do Traballo e das Organizacións, Xurídico-Forense e Intervención Social (USC)
Psicoloxía criminal e penitenciara, metodoloxía avanzada en investigación social, intervención nos ámbitos penal, civil e social. - Mestrado en Investigación Psicosocioeducativa con adolescentes en contextos escolares (UVigo)
Intervención con menores de familias separadas. - Mestrado en Avogacía (UVigo)
Práctica extraxudicial, práctica civil I e II, práctica penal I e II e práctica administrativa. - Mestrado en Dereito das Administracións e Institucións públicas (USC)
Xustiza constitucional, xustiza contencioso-administrativa, protección dos intereses públicos e protección constitucional dos dereitos fundamentais.
Os complementos de formación específica terán, a efectos de prezos públicos e de concesión de bolsas e axudas ao estudo, a consideración de formación de nivel de doutoramento.
A realización destes complementos será previa ou simultánea á matrícula en tutela académica no programa; no primeiro caso, sendo previa á matrícula a realización dos complementos formativos, o estudantado só se matriculará destes complementos e non se asinará o compromiso documental nin se abrirá o Documento de Actividades do Doutorando ata a súa superación. No segundo caso, se a realización dos complementos de formación é simultánea á matrícula, o estudantado deberá matricularse destes complementos no momento de formalizar a matrícula de tutela académica no programa.
Os complementos de formación deberán superarse no prazo máximo de tres cuadrimestres consecutivos. De non facelo así, o estudantado causará baixa no programa.
No caso de realizarse con carácter previo, o seu desenvolvemento non computará a efectos do límite temporal establecido para a realización da tese. Estes créditos non computarán para os efectos dos requisitos ordinarios de acceso ao Programa de doutoramento.