Criterios de admisión
Son requisitos específicos de admisión ao noso programa de doutoramento os seguintes:
- Que o título oficial de grao, licenciatura, diplomatura ou equivalente previo ao mestrado esixido para o acceso ao Programa de Doutoramento (conforme ao exposto no apartado anterior) pertenza á rama de coñecemento de Ciencias Sociais e xurídicas, e dentro delas terán preferencia os relativos ao ámbito do Dereito, Psicoloxía, Traballo Social, Socioloxía e Educación.
A CAPD avaliará de forma individualizada, á vista do título que o aspirante para ser admitido no programa de doutoramento achegue, a necesidade de cursar complementos formativos cun máximo de 15 ECTS.
Á súa vez, se fose necesario, entre os candidatos que reúnan estas condicións, a CAPD fará unha selección atendendo á nota media do seu expediente académico e ao seu curriculum vitae. Ademais, a estes efectos, tamén se considera conveniente valorar o nivel de adecuación do anteproxecto de tese presentado polo candidato ás liñas de investigación que integran o Programa de Doutoramento. - Contar cun anteproxecto de tese relativo a algunha das liñas de investigación que conforman o programa de doutoramento, avalado por algún doutor que cumpra os requisitos do Art. 10 do RD 99/2011.
- No caso daquel estudantado que deba cursar complementos de formación, superar aqueles complementos de formación recomendados pola CAPD. A realización destes complementos será previa ou simultánea á matrícula en tutela académica no programa. No caso de realización simultánea o estudantado deberá matricularse destes complementos no momento de formalizar a matrícula de tutela académica no programa. No caso de ser previa só se matriculará destes complementos e non se asinará o Compromiso de Supervisión nin se abrirá o Documento de Actividades do doutorando ata a súa superación. Estes créditos non computarán para os efectos dos requisitos comúns de acceso ao programa de doutoramento.
Procedemento de admisión e matrícula
O estudantado que reúna os requisitos de acceso e admisión poderá solicitar a admisión nun programa de doutoramento, para o que se establecerá un prazo de preinscrición. Dita solicitude presentarase no lugar que sinale a convocatoria xeral da Universidade de Vigo.
Finalizado este prazo, a CAPD publicará a relación provisoria de estudantado admitido, coa súa correspondente listaxe de agarda, de acordo cos criterios de selección establecidos no programa.
Os aspirantes non admitidos poderán presentar unha reclamación no prazo e forma establecidos na correspondente convocatoria. Transcorrido o prazo de reclamacións e resoltas estas, remitirase a relación de estudantado admitido ao órgano de xestión de alumnos correspondente, a efectos de poder formalizar a súa matrícula no prazo que se sinala. De non formalizar a súa matrícula, o solicitante decaerá nos seus dereitos.
Estudantado con titulacións estranxeiras
O estudantado con título estranxeiro sen homologar poderá solicitar a admisión nos estudos de doutoramento sempre que se acredite un nivel de formación equivalente á do título oficial español de mestrado universitario e faculte no país expedidor do título para o acceso aos estudos de doutoramento. Esta admisión non implicará, en ningún caso, a homologación do título previo nin o recoñecemento a outros efectos que os de acceso a estes ensinos.