Titores do programa

A admisión definitiva dun doutorando nun Programa de Doutoramento leva a asignación dun Titor, designado pola Comisión Académica do Programa de Doutoramento. Tratarase dun profesor asignado ao programa con vinculación permanente coa universidade e/ou entidade colaboradora no Programa de Doutoramento. No caso de que un profesor do programa cumpra os requisitos para ser Director e Titor asumirá as dúas funcións, de ser o caso.

O titor deberá manter unha colaboración mutua co doutorando, o director da tese e, no seu caso o codirector, para alcanzar, en primeiro lugar, a presentación do proxecto de tese de doutoramento, a elaboración e, finalmente, a defensa da tese de doutoramento do doutorando, de acordo cos procedementos e os prazos establecidos na normativa aplicable.

O labor de titorización do doutorando será recoñecida como parte da dedicación docente e investigadora do profesorado.

 

Directores da tese de doutoramento

No prazo máximo de tres meses desde a súa matriculación, a Comisión Académica do Programa de Doutoramento asignará a cada doutorando un Director de tese que poderá ser coincidente ou non co titor previamente referido. Poderá ser Director de tese calquera doutor español ou estranxeiro, con experiencia acreditada investigadora, con independencia da universidade, centro ou institución en que preste os seus servizos.

O director de tese é o máximo responsable da coherencia e idoneidade das actividades de formación, do impacto e novidade no seu campo, da temática da tese e da guía na planificación e a súa adecuación, no seu caso, á doutros proxectos e actividades onde se inscriba o doutorando.