Recursos materiais e servizos
O Programa de Doutoramento impártese na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da Universidade de Vigo, que conta cos recursos materiais e servizos adecuados para a impartición deste Programa de Doutoramento.
O edificio onde se sitúa a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo ocupa unha superficie de 7.996 m2, e as súas instalacións cumpren plenamente as esixencias de accesibilidade establecidas na normativa vixente. En concreto, existen zonas de aparcadoiro para persoas minusválidas, ramplas para facilitar o acceso ao edificio dende o exterior, ramplas interiores que facilitan a mobilidade entre as distintas dependencias do centro e os ascensores necesarios.
Nel existen aulas-seminario convenientemente adaptadas para a impartición a grupos reducidos das actividades formativas do programa. Están dotadas de canón de vídeo, computador e conexión sen fíos a Internet, ademais de lousas e pantallas de proxección. En concreto destínase o Seminario A-301, dotado de 24 postos.
Outras instalacións de interese
Salas de Videoconferencia
Constitúen un recurso de gran utilidade para a impartición de docencia interuniversitaria, por canto permiten un considerable aforro de tempo e diñeiro, evitando desprazamentos. Son salas de distinto aforamento (30 e 150 prazas) o que permite unha utilización máis adecuada das mesmas segundo o número de persoas asistentes. Ademais, o sistema de videoconferencia instalado no Salón de Graos é multipunto, permitindo cinco conexións simultáneas.
Biblioteca e Salas de Lectura
Os servizos bibliotecarios da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo obedecen ao modelo organizativo bibliotecario acordado pola Comisión Xeral de Biblioteca da Universidade de Vigo en outubro de 2000, e plasmado posteriormente na reforma do seu Regulamento aprobado pola Xunta de Goberno en sesión do 27 de febreiro de 2002. Devanditos documentos prevén unha estrutura baseada en tres Bibliotecas Centrais (Ourense, Pontevedra e Vigo), onde se centralizan a maior parte dos servizos e procesos bibliotecarios propios de cada Campus, e unha rede de Salas de Lectura situadas en diversas Facultades e Escolas Universitarias para atender as necesidades bibliotecarias básicas do estudantado. Este modelo tenta compaxinar a centralización dos procesos internos, os servizos especializados e as coleccións de investigación nas Bibliotecas Centrais de Campus, e a descentralización do acceso ás coleccións e servizos básicos (préstamo e información de primeiro nivel) a través das Salas de lectura.
A Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo conta cunha Sala de Lectura cos servizos bibliotecarios antes citados, onde se dipón de 186 postos de lectura. Ademais, existe unha Sala de Estudo anexa, con entrada independente, con 24 postos. Na Sala de Lectura sitúanse a bibliografía básica recomendada para cada materia das titulacións que se imparten e existe un aula BOE. Ademais, todos os fondos xurídicos adquiridos con anterioridade ao ano 2002 están situados na Biblioteca da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, que se atopa unida á Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo.
Aula de informática de libre acceso
Aula dotada de 40 postos, na que recentemente se renovaron todos os equipos informáticos.
Conexión sen fíos
Cabe sinalar que todas as aulas da Facultade foron convenientemente cableadas, para facilitar a utilización dos equipos informáticos propios por parte do estudantado, contando ademais con conexión sen fíos a Internet. Todos os membros da comunidade universitaria teñen acceso a este servizo mediante clave vinculada á súa conta de correo persoal proporcionada pola Universidade.
Web da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo
Ferramenta de traballo indispensable para poder manter informado ao doutorando sobre os aspectos xerais e básicos da Facultade. Nesta web, cuxa xestión se realiza na mesma Facultade, haberá unha ligazón á paxina web propia do Programa de Doutoramento, na que se recollerá a información máis específica sobre o mesmo (datas de matrícula, criterios de admisión, actividades formativas, horarios, titorías, etc).
Recursos docentes en Rede
Como apoio á docencia, a Universidade de Vigo puxo a disposición do profesorado e estudantado o portal FaiTIC con recursos en liña destinados á teledocencia. Neste portal alóxase a plataforma de teledocencia TEMA, que resulta imprescindible para impartir un Programa de Doutoramento como o que se propón, facilitando a interacción entre o profesorado e os doutorandos.
Servizo de reprografía
Situado no primeiro bloque da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, o servizo está atendido por unha empresa privada, aínda que funciona con prezos universitarios.
Cafetaría-comedor
Entre as dúas entradas principais do edificio atópase a cafetaría-comedor da Facultade.
Ademais dos expostos, a Universidade de Vigo conta con outras oficinas e servizos centralizados que resultan de interese e utilidade para os efectos da impartición do Programa de Doutoramento, entre os que cabe destacar os seguintes:
- Oficina de Relacións Internacionais (ORI)
- Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación (OTRI)
- Área de Normalización Lingüística e servizo de tradución
- Servizo de Apoio á Investigación
- Servizo de Publicacións
Finalmente, tamén habemos de deixar constancia dos servizos técnicos de mantemento e reparación dos recursos materiais e informáticos cos que conta a Universidade de Vigo, dependentes do Vicerreitorado de Economía e Planificación: